Hai non moitos anos os meus sobriños viñan durmir tódolos venres á miña casa. Xogabamos aos nomes, ás cartas, viamos a tele, contabamos contos na cama e contábanme como pasaran a semana.
Marcos facía moitos debuxos, que eu gardo como un tesouro nunha carpeta, e ás veces xogaban no ordenador. Cando se escangallaba eu poñíame toda nerviosa, porque no sabía, nin sei, como arranxalo.
Foron medrando e deixando de vir. Vémonos os fins de semana na casa dos meus pais, en tempos que se me escapan porque unha hora non me chega para estar con eles.
A Jorge chámoo tódolos mércores, e boto unha parrafadiña con el, en función do tempo que teña, xa que hai moito que estudar.
Agora son os pequenos os que veñen durmir cando andan por aquí. Sei que non vai durar moito a súa querencia pola miña casa, por iso estou sempre disposta a recibilos. Dentro de pouco terei que velos unha hora escasa ou en fotos.
O tempo pasa e Marcos segue debuxando, facendo fotos, e aprendendo como funcionan as tripas dos ordenadores. Xa sendo moi pequeno encaixaba soíño pezas imposibles dos legos. Actualmente manexa o ordenador como eu o lapis e o papel. Agora cando teño unha dúbida, chámoo a el para que me bote unha man.
Seguen sendo o máis fermoso que hai na miña vida. Cada un á súa maneira e sendo os catro diferentes. De cada un teño un recordo especial, para cada un unha forma particular de velos.
Hai un refrán de vello que di que a quen Deus non lle da fillos o demo dálle sobriños. Pois, neste caso, ben polo demo!
© Chulihorro