jueves, 27 de octubre de 2011

Son mestra

Ás veces chego á casa e fálolle á miña familia das miñas experiencias no traballo.
Supoño que en ocasións pensan que estou medio tola e non poden entender que pase cinco horas entre saltos, cancións, lavados de mans, limpezas de cara e mocos, lecturas e dramatizacións de contos... Certamente non é normal que alguén de 45 anos disfrute cantando "kikirikí, cocorocó, dúrmete lúa que xa sae o sol", pintando un enorme papel branco - logo de facer tódalas mesturas imaxinables coas cores -, deitada nunha colchoneta sentindo os alentos dos meus nenos (si, e os mocos, os espirros e as toses) na miña cara, ou ensinándolle a alguén como debe coller a tesoira. 
Pero ese é o meu traballo. En ocasións máxico, algunhas veces desalentador (cando repites por enésima vez: falade máis baixo, non vos empurredes, escoitade ao voso compañeiro...).
A maioría das veces comería a bicos aos meus alumnos. Hoxe foi un día así. Un neno díxome, logo de estar unha semana enfermo e por fin volver á escola: profe, que ben estou aquí contigo, verdade?
Só por comentarios como ese paga a pena pelexar con eles tódolos días e facer o ridículo cantando que estou movendo o cu e non o podo parar.
©Chulihorro

sábado, 15 de octubre de 2011

A BARCA

Hai un par de anos unha foto do meu irmán inspiroume un poema. Paréceme unha foto triste, e saíu unha poesía triste:


©Amancio Horro

Xa non sirvo.
Amoréanse sobre min as algas
tinguindo de verde a miña cor orixinal.

Morro ao cabo do porto
ancorada aínda, sen dono.
Durmo a miña morte
ao ritmo das mareas.

Ninguén me ve.
Son invisible co meu manto vexetal.
Xa non sirvo.

Recordo tempos de peixes
batendo os seus lombos sobre as miñas táboas,
o traballo dos homes,
o regreso ao solpor,
o esforzo nas miñas costas,
o aroma do sal...

Recordo noites de faena,
traballos á luz da lúa,
pequenos rabuños na pintura ao atracar...

Agora as táboas apodrecen,
cheas de humidade e esquecemento,
dun envoltorio verde que me atrapa
como unha arañeira.

Morro. Morro de pena e soidade.
Ninguén me necesita.
Ninguén me ve.

So queda de min o esqueleto
e os recordos que so a min pertencen.
Só me queda a auga que me adormece
nesta morte queda e calada,
nesta morte verde e salgada.

                            Morro.
©Chulihorro

sábado, 8 de octubre de 2011

Sobe ao meu lombo

Levareite voando no meu lombo
sobre as miñas ás estendidas.
Esquivarei a humidade das nubes,
evitando mollar as túas feridas.
Protexereite do vento
cos meus brazos abertos
mentres soñas en silencio
co amor infinito que che ofrezo.
Evitarei voaar rumbo ao sol,
para que non te queimes,
e coa auga da chuvia
docemente lavareite.
Deixarei atrás as treboadas
para que non espertes.
E pedireille á lúa, con voz queda,
que arrole o teu sono lentamente.

Sobe ao meu lombo,
e déixate sen presas levar.
Repousa a túa cabeza
no meu colo, para soñar.
Non permitirei que o vento zoe,
non deixarei que brúa o mar.
Só será o silencio quen te toque,
se sobes ao meu lombo para voar.

Deixa que escolla por ti
un camiño descoñecido e aberto
voando por un ceo inacabado
sentindo preto o teu alento.
Levareite no meu lombo,
se ti queres,
sobre as miñas ás abertas
para sosterte.
O meu corpo será a túa cama,
os meus brazos as túas mantas,
protexereite do frío, da auga,
das penas sen nome que te mancan.

Sobe ao meu lombo, sen medo,
mirarei por ti, por que non caias.
E se sentes vertixe pola altura
abraza as miñas costas que te agardan.
Afastareite das sombras que temes,
mentres susurras no meu oído
doces palabras que só ti cantas,
facéndome con elas un vestido.

Sobe ao meu lombo, que te espera,
e xuntos voaremos polo aire.
Ti cantando docemente no meu colo,
eu buscando un fogar novo ao que levarte.
© Chulihorro