Hai un par de anos unha foto do meu irmán inspiroume un poema. Paréceme unha foto triste, e saíu unha poesía triste:
©Amancio Horro
Xa non sirvo.
Amoréanse sobre min as algas
tinguindo de verde a miña cor orixinal.
Morro ao cabo do porto
ancorada aínda, sen dono.
Durmo a miña morte
ao ritmo das mareas.
Ninguén me ve.
Son invisible co meu manto vexetal.
Xa non sirvo.
Recordo tempos de peixes
batendo os seus lombos sobre as miñas táboas,
o traballo dos homes,
o regreso ao solpor,
o esforzo nas miñas costas,
o aroma do sal...
Recordo noites de faena,
traballos á luz da lúa,
pequenos rabuños na pintura ao atracar...
Agora as táboas apodrecen,
cheas de humidade e esquecemento,
dun envoltorio verde que me atrapa
como unha arañeira.
Morro. Morro de pena e soidade.
Ninguén me necesita.
Ninguén me ve.
So queda de min o esqueleto
e os recordos que so a min pertencen.
Só me queda a auga que me adormece
nesta morte queda e calada,
nesta morte verde e salgada.
Morro.
©Chulihorro

No hay comentarios:
Publicar un comentario