Hai música que te encende, que fai que che entren unhas
ganas tremendas de berrar, de saltar, de cantar a pleno pulmón (aínda sabendo
que o fas fatal), que fai que andes a chimpos pola casa, supoño que para horror
dos teus veciños no caso de aqueles que vivimos en pisos que teñen paredes de
papel.
Pero tamén hai música que te apaga. Cancións que fan que
te recollas nun recanto do sofá e empapes a tapicería coas túas bágoas. Que che
fan encollerte e quedar quediña nun recuncho, que che sacan saloucos e ata te
mancan un chisco.
Con elas podo imaxinarte de novo. E chorarte outra vez,
coma sempre. Na espiral que forma o fume do cigarro vexo a túa silueta danzando
ao son da música que arranca este río dos meus ollos. Lembro o teu sorriso, e sorrío á miña vez, ata que me
decato de que non estás, e a túa imaxe vaise diluíndo nas gotas de chuvia que
caen no cristal da ventá.
É o malo desta combinación de música e chuvia que
escollín para este día. Probablemente debería escoitar outra cousa, unha desas
cancións que me fan dar choutos coma unha cabuxa… pero con elas non podo
recordarte tan docemente, tan doentemente. Así que seguirei pensándote dende
este meu lado masoquista que precisa chorarte de cando en vez para lembrarte
ben.