- A semana pasada fun cortar o pelo e a perruqueira comentoume, mirando de esguello cara o andel dos tintes, que me saíran moitas canas. Xa lle expliquei que non, que son mechas naturais, que me gustan moito máis que as californianas.
- Outro momento magnífico é cando saes un sábado pola mañá facer a compra( carriño cheo ata arriba), aproveitas e colles flores, xa que hai mercado compras unha batiña que para andar por casa non está mal, vas mercar unhas zapatillas tamén para á casa, lémbraste de recoller roupa na tintorería (creo que xa a daban por perdida), chegas á casa... e non funciona o ascensor.
- Ser miope non é ningunha desgracia. Son miope e astigmática dende os 8 anos e dende hai 4 tamén teño presbicia. E non é unha desgracia.
Estou tan afeita ás gafas que son o primeiro que poño cando esperto e o último que quito cando me deito. Moitas mañás métome na ducha con elas e no momento de sentir o chorro da auga na cara é cando me decato de que as levo postas.
Sólo un ano usei lentes de contacto e tiven todas as conxuntivitis que non tivera nunca, así que volvín ás gafas. E encantada.
Xa digo que ser miope non é unha desgracia. O que si que é unha desgracia é quedar como unha parva ou como unha maleducada por non recoñecer ao lonxe á xente e non saudar.
- O malo de vivir soa é que ata que saes á rúa e saúdas á xente, non sabes que estás afónica.
- Outro momentazo cando vives soa é cando te metes na ducha e xusto nese momento acábase a bombona.
- Outro pequeno inconveniente que ten vivir soa é que non tes a quen dicirlle que baixe o lixo cando o contedor está cheo. Non che queda outra que facelo ti.
- Unha, das moitas, ventaxas de vivir soa: chegas á casa, deixas a roupa onde che peta (no meu caso no seu sitio, pero é que eu son unha obsesa da orde), colles o libro que che apeteza, descálzaste, pos a música que queres, prepáraste un café, estumbállaste no sofá... e case tocas a felicidade coas puntas das dedas por uns instantes.

