Non sabía qué lle pasara. Sabía que estaba no Servizo de Urxencias do Hospital e os médicos explicáranllo varias veces, pero ela seguía sen entendelo. Non é que non comprendera o que fixera, ou que o xulgara, simplemente non entendía cómo puidera facelo. Era tan contrario ao que ela sempre fora.
Claro que pensara en acabar con todo algunha vez, pero tratánbase máis de plans de autolesión ou suicidio e nin sequera iso, non pasaban de microensoñacións para poder continuar. Era como crer que, de querer, todo podía rematar cando ela quixera.
Nunca pensara en facerlle nada a ninguén. E menos á súa propia familia. É certo que Moncho nunca fora un home doce ou agarimoso, que nunca tiña unha palabra amable para ela ou máis ben que nunca tiña unha palabra para ela a parte de vaca ou estúpida. El só agardaba que ao chegar á casa a comida estivese lista, a roupa limpa e que non lle romperan a cabeza con andrómenas. Especialmente os días nos que había fútbol na tele. Anque, ultimamente, xa nin o vía na casa, prefería ir ao bar que moitos partidos non eran en aberto e ademais no bar estaba Mariluz, esa mociña de cu alto e peito xeneroso que lle poñía a cervexa cun sorriso e un "Boa tarde, Sr. Ramón" mentres el lle chiscaba un ollo. Él, alí, era o señor Ramón. Nada de Moncho.
En canto aos fillos... eles que sabían. Había anos que marcharan da casa e tiñan as súas propias vidas. Cando viñan era con présa, algún domingo a comer, no Nadal ao mediodía... Cando se queixaba a eles dicíanlle que non sería para tanto e que ela ben sabía como era papá. Non ía cambiar agora!
Pero realmente non sabía qué lle pasara. Levaba anos aturando a situación e facíalle ilusión ter a toda a familia xunta para comer ese día. Por iso lle sorprendía tanto cando os médicos dicían que tiñan que tratarlle as queimaduras dos brazos que se fixera ao prenderlle lume á casa e a policía estaba agardando fóra da porta para falar con ela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario