A miña primeira mestra foi a miña nai. Supoño que eso podémolo dicir todos pero no meu caso tamén o foi na escola.
Eu non fixen Infantil ou Preescolar ou Parvulitos ou algo polo estilo xa que tería que facelo na escola da miña nai que tiña daquela 60 alumnos en clase.
Así que cando eu lle dicía que marchaba ás leiras coa señora Rosa subida no carro, ela só me dicía que me portara ben, que obedecera e non me puxera pesada. Sempre fun unha nena tranquila así que me deixaba ir sabendo que non daría a lata e estaría ben coidada.
Eu nas veigas poñía moito empeño: quería sementar as patacas, apañar o millo e lavar no río (falo dun tempo no que a penas había algún tractor ou lavadora nas casas e ver o mundo enriba dun carro era unha experiencia deliciosa). Naturalmente deixábanme enredar un pouco e rían coas miñas pretensións e logo entretíñanme con calquera cousa porque con 4 ou 5 anos pouco podía facer. A señora Rosa e a súa filla foron sempre doces e amables comigo.
Chegou un día no que tiven que empezar a escola, asi que aquelo de marchar a media mañá ou despois de comer acabouse.
Unha das primeiras leccións que aprendín foi a de xogar con todos e se alguén tiña mocos, en lugar de apartal, o que tiña que facer era prestarlle un pano da man (gañei un par de recreos vendo, sentadiña, como xogaban os demais e quedei sen un pano, pero cando me levantaron o castigo a primeira nena que veu buscarme para xogar foi aquela a quen eu apartara. E fíxoo de corazón. Quedamos tan amigas).
Aprendín a rascar as mesas de madeira con anacos de cristais para quitarlles a capa de roña que tiñan, a compartir con todos, a esperar quenda (eramos moitos e unha soa mestra), a xogar no patio con xente sempre maior ca mín - por riba son de novembro: a última mona-, a escoitar aos demais cando falan...
Miña nai aprendeume a ler e escribir e nunca llo darei agradecido o suficiente. Xa sei que se non fora ela sería outra/o pero eu tiven a sorte de que foi miña nai.
Nesa escola naceu, creo, a miña vocación de mestra: dáballes clase ás miñas bonecas ao rematar as clases porque viviamos na casa ao carón da escola.
Pero tamén tiven a fortuna de poder aproveitar o tempo saltando polas leiras, indo coas vacas, subindo no carro, sentirme libre e facerme feridas caendo polos camiños. Porque os meus pais deixáronme disfrutar da miña infancia sen someterme a un réxime horario ata que foi inevitable.
O que nunca consigueu a miña nai foi que na escola non lle chamara "mamá".
No hay comentarios:
Publicar un comentario