Cando era pequena gustábame xogar coas bonecas. Eso non quita que tamén xogara ás chapas, ás bólas - que nunca se me deron moi ben - á goma, ou a saltar de pedra en pedra coma unha cabuxa.
Eu tiña tres bonecas especiais: Isabela, Maite e Abrázame. E non facían nada máis alá de abrir ou pechar os ollos segundo estiveran de pé ou deitadas.
A primeira trouxérama meu pai dunha viaxe a Italia (non fora viaxe de pracer, era camioneiro e fora levar mexillóns). É unha boneca loira, de ollos azuis e bastante grande, moito para os meus catro anos daquel momento. Miña nai fíxolle un vestido igual ca un meu e a pobre pasou o xarampón metida na miña cama porque eu estaba convencida de que ela tamén estaba enferma. Supoño que o nome orixinal sería Isabella, pero eu daquela non facían distingos coa pronunciación.
Maite regaláronma uns amigos dos meus pais. Era aínda máis grande que Isabela e tiña unha longa melena negra que eu considere que non lle acaía ben con aquela cara e cortei sen piedade coas tesoiras da costura da miña nai, deixándoa medio calva.
A Isabela e a Maite aínda as conservo.
A terceira boneca, e máis antiga, era Abrázame. Chamábase así porque eso era o que poñia na caixa na que viña e cando pedín que mo leran pareceume o nome axeitado para ela. Hoxe paréceme moi tenro que lle puxera Abrázame. (Debo dicir que tamén bauticei a un pato Tortillita porque eso era o que había para comer ese día).
Esta boneca era de trapo e tiña a cara, de medio lado, de plástico así como as mans. O que se pode definir coma un horror, vamos.
Lémbroa perfectamente anque eu era moi pequena e non sei quen ma regalou nin en que momento, pero xa a tiña aos dous anos. Abrázame andaba comigo dun lado para outro, collida por un brazo, unha perna ou os pelos e aparecía nos lugares máis insospeitados nos que a mín se me ocorría deixala (non é que fora unha boneca de película de terror, eh).
A pobre estaba feita unha porquería, logo de ser recosida por canto recanto do corpo tiña, con manchas indelebles por todas partes e sen dedos porque eu llos mordera.
O ano no que o meu pai me trouxo a Isabela, que pasou a ser a favoritísima, nós viviamos na casa escola e polo San Xoán faciamos diante da casa unha fogueira á que se sumaban moitos veciños. De sempre aproveitábase o momento de facer as cacharelas para facer limpeza nas casas e a elas ían parar todos os trastos inservibles que andaban estorbando. Miña nai considerou conveniente darlle pasaporte a Abrázame no medio de tanto pau e tanta trapallada, sen que eu me dera conta.
O meu irmán máis vello estaba empeñado en saltar a cacharela (tiña 7 anos) e cando empezaron os máis novos a saltar, antes de que o lume fose alto a miña nai soltoume para vixiar ao meu irmán.
E, de repente, a pobre atopouse dividida entre atender ao primoxénito que ía facer o seu debut como saltador de lumes ou á máis pequena que berreaba desesperada "Abrázame, Abrázame!!!", porque xusto nese momento vin á miña boneca no medio da fogueira.
Debo dicir que non me quedou trauma ningún. Miña nai explicoume moi claro que a pobre estaba xa noxenta e que as cousas só son cousas, que caducan e é necesario desfacerse delas (ela botara ao lume un costureiro que tiña couza e que moito lle gustara, axudáralle eu).
Gardo o recordo de Abrázame. O lume de San Xoán é purificador, así que lle deu un final fermoso a unha boneca que xa estaba inservible e a mín axudoume a non aferrarme demasiado aos ben materiais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario