domingo, 26 de febrero de 2012

entroido

É fantástico ter aos sobriños na casa. Levantarse tarde (por favor, prohibido erguerse antes das nove menos cuarto, como pronto), almorzar os tres xuntos na cociña, arreglar a casa a modo, tomándome tempo para botar un pitillo de vez en cando (sempre na terraza, lonxe deles) e logo vestirnos sen presa para saír dar unha volta.

Coller o carriño da compra, porque sempre temos moitas cousas que mercar, e ir paseniñamente dando un paseo pola vila, parándonos nos escaparates que lles chaman a atención, ou nas casas de pedra que tanto lles gustan.

Encher o carro pouco a pouco, dous quilos de laranxas para o almorzo, un cartón de leite, dous libros da librería, unhas sementes de flores para a avoa, os medicamentos que teño que tomar diariamente na farmacia... E, sen darnos conta, chegar ata os kioscos da Calzada a comprar os cromos que tanta ilusión lles fan. Un quéreos de fútbol, ela das Monster High.

E continuar o paseo pensando que lle podemos comprar ao seu pai que logo vai estar de aniversario. E decidirnos ao final por un cartón de tabaco, xa que sabemos que é un regalo seguro.

Saudar á xente pola rúa. Algúns cos que nos paramos e comentan o altos que están. Outros que eles non coñecen e agardan pacientes a que eu remate de falar.

E logo ir comer onda os avós, que xa os están agardando impacientes. Convencer, sen moita presión, á avoa para que lles faga filloas e chocolate para a merenda. Juan que queima dous dedos cos ferros da cociña, intentando axudar. E carreiras ata a farmacia para comprar a crema que lle poñeremos nas queimaduras e os apósitos para vendarllos, mentres na casa mollánlle unha e outra vez a man con auga fría.

Contarllo aos pais á noite por teléfono, xa reposto do susto e pedirlles que lles deixen un dia máis con nós. Total están de vacacións de Entroido.

Si, e chegar á cama ao final do día, facendo xa plans para o día seguinte. Tódolos recados que aínda temos por facer. Mañá, agora durmide.
© Chulihorro

viernes, 3 de febrero de 2012

Mondariz

O domingo pasado fun ao balneario. A "relaxarme". É difícil facelo levando a dous satélites que te persiguen pola piscina, cando non van colgados das túas costas, pero dende logo foi divertido.
Ata nos atrevemos coa piscina exterior (un minutiño, xa que non estaba quente). Alí deitados, como xoubas en remollo, dúas horas de auga morna, de saídas e entradas, probando tódalas posibilidades que nos ofrecía o balneario.
Logo a comida, xa relaxados e tonificados, paseando polos xardíns do antigo balneario. Bocatas rápidos e unha peza de froita. O día era fermoso, limpo, brillante. Paseos pola beira do río mentres os nenos subían en tódolos bambáns - especialmente nos que, en teoría, son para as persoas maiores-.
Volta ao coche para achegarnos ao castro de Troña, mentres eles facían subidas imposibles pola montaña. Alpinistas en miniatura.
E volver logo á casa (Candela e Ana durmidas), sen presa anque tendo coidado de chegar a tempo á cita que tiña Juan cuns amigos para os xogos que agora teñen os rapaces.

E á noite, sentar no sofá da miña casa, coa intención de ver unha película e non pasar dos títulos de crédito. Pecháronseme os ollos nada máis comezar a emisión. Si, realmente cheguei relaxada.

© Chulihorro