É fantástico ter aos sobriños na casa. Levantarse tarde (por favor, prohibido erguerse antes das nove menos cuarto, como pronto), almorzar os tres xuntos na cociña, arreglar a casa a modo, tomándome tempo para botar un pitillo de vez en cando (sempre na terraza, lonxe deles) e logo vestirnos sen presa para saír dar unha volta.
Coller o carriño da compra, porque sempre temos moitas cousas que mercar, e ir paseniñamente dando un paseo pola vila, parándonos nos escaparates que lles chaman a atención, ou nas casas de pedra que tanto lles gustan.
Encher o carro pouco a pouco, dous quilos de laranxas para o almorzo, un cartón de leite, dous libros da librería, unhas sementes de flores para a avoa, os medicamentos que teño que tomar diariamente na farmacia... E, sen darnos conta, chegar ata os kioscos da Calzada a comprar os cromos que tanta ilusión lles fan. Un quéreos de fútbol, ela das Monster High.
E continuar o paseo pensando que lle podemos comprar ao seu pai que logo vai estar de aniversario. E decidirnos ao final por un cartón de tabaco, xa que sabemos que é un regalo seguro.
Saudar á xente pola rúa. Algúns cos que nos paramos e comentan o altos que están. Outros que eles non coñecen e agardan pacientes a que eu remate de falar.
E logo ir comer onda os avós, que xa os están agardando impacientes. Convencer, sen moita presión, á avoa para que lles faga filloas e chocolate para a merenda. Juan que queima dous dedos cos ferros da cociña, intentando axudar. E carreiras ata a farmacia para comprar a crema que lle poñeremos nas queimaduras e os apósitos para vendarllos, mentres na casa mollánlle unha e outra vez a man con auga fría.
Contarllo aos pais á noite por teléfono, xa reposto do susto e pedirlles que lles deixen un dia máis con nós. Total están de vacacións de Entroido.
Si, e chegar á cama ao final do día, facendo xa plans para o día seguinte. Tódolos recados que aínda temos por facer. Mañá, agora durmide.
© Chulihorro
No hay comentarios:
Publicar un comentario