viernes, 3 de febrero de 2012

Mondariz

O domingo pasado fun ao balneario. A "relaxarme". É difícil facelo levando a dous satélites que te persiguen pola piscina, cando non van colgados das túas costas, pero dende logo foi divertido.
Ata nos atrevemos coa piscina exterior (un minutiño, xa que non estaba quente). Alí deitados, como xoubas en remollo, dúas horas de auga morna, de saídas e entradas, probando tódalas posibilidades que nos ofrecía o balneario.
Logo a comida, xa relaxados e tonificados, paseando polos xardíns do antigo balneario. Bocatas rápidos e unha peza de froita. O día era fermoso, limpo, brillante. Paseos pola beira do río mentres os nenos subían en tódolos bambáns - especialmente nos que, en teoría, son para as persoas maiores-.
Volta ao coche para achegarnos ao castro de Troña, mentres eles facían subidas imposibles pola montaña. Alpinistas en miniatura.
E volver logo á casa (Candela e Ana durmidas), sen presa anque tendo coidado de chegar a tempo á cita que tiña Juan cuns amigos para os xogos que agora teñen os rapaces.

E á noite, sentar no sofá da miña casa, coa intención de ver unha película e non pasar dos títulos de crédito. Pecháronseme os ollos nada máis comezar a emisión. Si, realmente cheguei relaxada.

© Chulihorro

No hay comentarios:

Publicar un comentario