Onte corrín un grave perigo físico.
Facía pouco que volvera á casa e estaba no salón
lendo un libro. Anque xa o lín varias veces estaba atrapada nas intrigas de
palacio que se suceden na narración de Robert Graves sobre o emperador Claudio
(Cla - Cla - Claudio).
De súpeto sentín un ruído e pensei nunha porta
que se batía, pero estaba xusto no momento do asasinato de Calígula e pensei:
"en canto aclamen a Claudio emperador vou ver que porta é".
Nestas éntrame un whatsapp da veciña do lado dicíndome que tiña un paxaro no patio da
lavadora, que se estaba golpeando cos cristais.
E alá vou eu. Téñolle medo aos paxaros. Gústame
velos voar, pero non os quero preto de mín. Evidentemente tiña que liberalo,
así que entrei na cociña e pechei a porta detrás, non fora metérseme pola casa,
e logo entrei no patio pechando tamén a porta.
E alí estaba. Paxaro, paxaro. Era unha pega!
Miroume de esguello, deixándome ver o perfil do seu
peteiro. Que barbaridade de peteiro, por certo!.
Non sei a quen lle batía máis o corazón, se a ela
ou a mín. Procurando non achegarme moito a ela, polo ben das dúas, abrinlle a
outra ventá que lle quedaba máis preto para que saíra. Foi o suficientemente
lista como para aproveitar a oportunidade para fuxir á primeira e non poñerse a
revoar por todas partes como fixera hai anos un pardal ao que crin que ía ter
que empadroar na casa, porque non había xeito de botalo fóra.
Era unha pega noviña, a penas tiña rabo, non se lle
podía chamar aínda pega rabilonga. Así como saíu pola ventá foi voando a darlle
uns peteirazos a outra pega que a estaba agardando no tellado de enfronte. Non
sei se pola ledicia de verse libre ou pola rabia de ter estado atrapada.
Deixoume un par de cagadas de recordo e a
necesidade de deixar a ventá ben pechada.
Logo retomei a lectura, coa satisfacción de tela
liberado e terme enfrontado soíña a semellante fera, sen ter sufrido lesións
ningunha das dúas.