martes, 6 de agosto de 2019

VELLA AMIGA

Ao principio non a recoñecín. Pasara tanto tempo. Pero mirándoa ao lonxe cría que era ela.
Cambiara, claro, cambiara. Facía 30 anos que non a vía. E non sabía porque. Tiña máis amigas, claro, pero ela fora a miña amiga da alma. Aquela que sabía todo de mín e eu dela. Coa que ía ao cine, a tomar café, coa que intercambiaba libros, roupa e secretos. A que sabía o que me ía cabrear antes de cabrearme e a que me facía andar a rolos polo chan das gargalladas que me producían as súas parvadas.
Como puideramos afastarnos? Non sabía dela dende había moitos anos. 30 anos! Pero ela era, seguro!
Caera ao chan mentres corría. Supuxen que tropezara con algo e quixen axudarlle a levantarse. Estaba lonxe de máis e case de costas. Quería verlle os ollos e o sorriso para saír de dúbidas. Aquel sorriso amplo, cheo, sinceiro.
Mentres me achegaba distinguín o seu perfil e os cabelos, agora con algunhas canas mal disimuladas por unhas mechas loiras que eu non recordaba.
Pousei a man no seu ombro suavemente e pregunteille: estás ben, lémbraste de mín?
Cando virou o rostro quedei demudada: estaba tenso, cincento, apagado. E decateime de que estaba morta.
Quixen recuar, asustada, pero tomou a miña man entre as súas e díxome con voz queda e unha ollada profundamente triste: por fin volvemos estar xuntas. Morreches demasiado pronto".

No hay comentarios:

Publicar un comentario