martes, 6 de agosto de 2019

O MEU GATO

Teño un gato. Un gato común, atigrado, que apareceu un bo día na horta e adoptounos. É un gato de palleiro, se tal cousa existe.
Para mín é o gato máis fermoso do mundo anque non se distinga particularmente doutros coma el. Por eso está na casa dos meus pais. Un piso que serve a penas para durmir non é un fogar para un gato.
O meu gato sabe a que hora chego e vaime agardar, ás veces na entrada da casa ás veces diante do coche.
Fálame no seu idioma gatuno docemente. Non é un miañar de gato, non é o miañar de cando pelexa cos gatos do veciño (neses casos canta ópera), nin é o miañar de cando avisa que subeu ao sofá. Non, o meu gato cando me fala fai un son moi suave, unha especie de "a.. a", que eu interpreto coma "ola!", e saúdoo acariñándoo polo lombo e, se está de humor, pola barriga.
O meu gato, a quen eu chamo Chispa anque o meu sobriño o bautizara con outro nome, sabe moi ben quen lle da de comer o que a el lle gusta e, se ben polas mañás e polas noites vai á cunca de penso, cando eu ando pola casa perségueme ata que lle dou un sobre de comida, deses que son máis saborosos que o penso seco.
O meu gato, ás veces, faime agasallos: un rato, unha toupa, un paxaro... cando o fai na casa din que é un asasino, xa que non mata por fame, pero eu creo que é un acto de amor que mos deixe na porta. Ademáis, como vai loitar un gato contra a súa propia "felinidade". Non é o agasallo máis fermoso do mundo para mín, pero el tamén se deixa desparasitar e vacinar sen emitir un chío e tampouco é un tema que lle apaixoe.



No hay comentarios:

Publicar un comentario