martes, 6 de agosto de 2019

XUBILACIÓN

O próximo setembro fará 29 anos que traballo. Empecei nova, con 23. Aínda lembro cando cheguei á miña primeira escola e unha nena dixo "ola, profe" e eu busquei coa ollada pola clase ata que me dixen "ai, coño, que son eu!".
E lembro as caras das familias os primeiros días. Esas caras que te miraban de arriba a abaixo como pensando "pero esta, que vai ensinar?". E o último día de clase que me encheron de agasallos, bicos e abrazos preguntándome se non podía volver para o curso seguinte. E como acabamos todos chorando: eles porque non querían que marchara e eu porque non quería marchar.
Cada día érgome e déitome pensando nunha nova proposta que facerlles aos pequenos. Penso naqueles que teñen máis dificultades, penso en como presentarlles temas que traballamos dunha forma máis atraente e divertida. Planifico, organizo. Gasto medio soldo en tinta para a impresora, en láminas de plastificar, en libros de contos... Paso os veráns preparando materiais para cada novo curso, coa mesma ilusión, e máis coñecemento que cando empecei. E fágoo encantada. Cometo erros, claro. Son humana.
Dígoo de novo: adoro o meu traballo. E sei que son unha privilexiada. Primeiro porque teño traballo e é un traballo estable, segundo porque é o que me gusta.
Pero cando escoito a algúns xerifaltes dicir que hai que prolongar a idade de xubilación ata os 67 anos éntranme calafríos.
Algún deles probou a sentar no chan cun grupo de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos? A escoitar a toda a clase querendo falar todos a un tempo? Algún deles algunha vez sentou nunha cadeira dun aula de Infantil? Algun probou a pasar un recreo xogando con eles ao fútbol, ás agachadas ou ao truquel? Pasou algún unha noite pensando en como enfocar a axuda que un neno necesita? Curou con bicos, abrazos e auga (a nosa billa é milagreira) unha ferida no patio?
Porque eu si. Eu fágoo cada día. E son feliz por elo.
Pero é necesario que bote 42 anos da miña vida adulta traballando?
Sinceiramente non creo que ningún neno ou nena desas idades mereza ter unha mestra vella que non pode xa abaixarse para poñerse á súa altura para mirarlles aos ollos. E ao futuro hai que aniñarse para miralo de fronte e cos ollos limpos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario