martes, 6 de agosto de 2019

SARGAZOS

Achegábase o verán. Os días eran longos e templados incluso quentes ao mediodía anque polas noites aínda refrescaba.
Non tiña ganas de ir pero todos no grupo estaban de acordo en facer aquel día a saída na gamela. A pequena illa estaba próxima e en dúas viaxes poderían ir todos. A idea era pasar a noite no illote, xa sabes: unha fogueira, as tendas de campaña, os sacos de durmir, as parelliñas...
Pouco despois das seis e media estaban no porto, pero entre as bromas, as risas e Xoán que, coma sempre, chegou tarde cando fixeron a primeira viaxe pasaban das sete.
Mentres Lois e Paco - remeiros oficiais - foron cos primeiros e volveron buscalos, cando por fin lle chegou a quenda empezaba a anoitecer.
Non ía tranquila. Non lle gustaban os barcos, non lle gustaba a auga e non lle gustaban as parvadas que os rapaces ían facendo cos remos. Aquelo movíase moito.
De súpeto, sen saber como, viuse na auga. A gamela envorcara e non daba atopado a superficie. Entroulle pánico. Notaba a barquiña baténdolle no pe e na man do lado esquerdo mentres, desesperada, intentaba asomar de novo a cabeza fóra da auga. Sentía a presión nos pulmóns e a angustia que a facía bracexar ao tolo sen lograr situarse para saber por onde saír.
De socato sentíu algo que lle prendía o pulso. Angustiada pensou nun sargazo e notou que algo a levaba cara abaixo. Viuse envolta nun mato de algas que a apreixaban e afundían.
Pensaba que o peito lle estoupaba, non resistía máis. E, de golpe, viunos. Agochados entre os sargazos: unha man cadavérica levábaa prendida do pulso e, no fondo, unha morea de corpos estábana agardando. Concas sen ollos mirábana fixamente e entre todos foron suxeitándoa e impedíndolle volver á superficie.
Agora é unha máis debaixo da auga, agardando un golpe de mar para botarlle man a un pulso, unha perna, un nocello e afundilo nas profundidades confundido entre os sargazos, para sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario