sábado, 4 de junio de 2011

Bamio 1990

Aínda non tiña os vintecatro anos. Era unha mañá de finais de setembro, luminosa e quente.
Abrín a porta antes de tempo, en canto vin pola ventá que algún de vós xa se achegaba. Atopei uns ollos curiosos que me miraban cheos de interrogantes e esperanzas e outros que se preguntaban canto tería eu de oficio. 
Nada, non tiña nada. Era a primeira vez que traballaba. Soa con dezaseis pequenos. Sen coche, sen teléfono, sen fotocopiadora... A penas había as vosas mesas e a miña.
De seguido fóstedes chegando todos e eu aprendinme rápido os vosos nomes, sen dubidar nin un instante. Esa facilidade acompáñame dende aquela.
Erades todos tan pequenos... Mirabádesme uns tanteando o que ía saír de alí, outros con medo e algún abertamente disposto dende o principio a camiñar da miña man.
Máis difíciles eran os maiores. Convencer aos vosos pais, nais, avós de que, sen experiencia ningunha, só con toda a ilusión, a xuventude e as ganas podia aprendervos cousas.
E si. Xuntos, sen case medios, collidos da man viaxamos a países de fantasía, achegámonos ás letras, enredamos cos números e xogamos entre nós. Si. Sobre todo xogamos moito e moi ben o pasamos.
Eu aprendín moito con vós, sobre a miña capacidade para improvisar, sobre a miña paciencia, sobre as miñas propias habilidades e destrezas. O que máis me custou foi afacerme a que cando diciades "profe" falabádesme a min. Sempre esperaba ver entrar a alguén máis experimentado pola porta.
Foi un gran ano. E os choros e os abrazos de final de curso, os vosos e si, tamén os dos vosos pais, nais e avós, convencéronme de que non o fixera nada mal. 
E sobre todo, convencinme de que son "profe". É o meu segundo nome.
©Chulihorro

2 comentarios:

  1. Vaia,PROFE,como me fixeches pensar neses momentos,...só que a mín tocoume, de boas a primeiras, torear con 28 nenos/as de 2º curso (a súa profe de baixa ) e eu, primeira vez que era sustituta zonal, insistíndolle ó director que tiña que ser un erro porque eu era profe de Ed. Infantil.Lembrareime sempre que me dixo: Xa que estás aquí, non te deixo marchar e, si antes de xuño non te temos que sacar en ambulancia, eres unha campeona. E, erro, non era ningún pero, non tiven ,máis que coller o toro polos cornos e enfrentarme a él. Todo foi perfecto e unha experiencia moi boa pero nunca me olvidarei daquel grupo de NENOOOOOOOS,...dos que tiña queixa cada recreo.

    ResponderEliminar
  2. Eu estaba soa, que raro non?. Era unitaria e non tiña nin casas arredor. Pero foi un curso estupendo, tanto polos nenos como polas familias. Marchei feita un mar de bágoas. Que tempos!

    ResponderEliminar